Tuesday 14 de May de 2024

O coidado do medio ambiente será o eixo dos Campamentos de Verán do Concello de Lousame, que terán lugar do 15 ao 19 de xullo


 

Dirixidos a nenos e nenas de 6 a 16 anos os prezos mantéñense nos 45 euros (Lousame) e 65 euros (fóra de Lousame)

O coidado do noso medio ambiente será o eixo temático da edición número dezasete dos Campamentos de Verán do Concello de Lousame, que terán lugar do 15 ao 19 de xullo. Así, os cinco días dos campamentos estarán dedicados a distintas iniciativas medioambientais: a necesidade de reciclar, que pode facer cada persoa para cambiar as cousas, reutilización e revalorización dos materiais, actuacións de coidado do medio natural, xornada de recollida de plásticos…

Polo demais, o campamentos de verán de Lousame manteñen as actividades lúdicas, culturais, deportivas e de natureza que tanto éxito tiveron en pasadas edicións como as saídas á praia, a excursión ao Aquapark de Cerceda, os inchables, a velada nocturna ou a gran festa acuática de despedida.

Os XVII Campamentos de Verán están dirixidos a rapaces e rapazas entre os 6 e os 16 anos de idade. Os prezos mantéñense igual ca en anos anteriores: 45 euros para empadroados ou residentes en Lousame e 65 euros para os de fóra do municipio. As actividades terán lugar entre as 9:30 e as 20:00 horas, sendo o polideportivo municipal Pilar Barreiro a base de operacións. As persoas participantes terán que traer o xantar e a merenda todos os días. Máis información e inscricións na Casa da Cultura ou no 981 825 780, en horario de 9:30 a 14:00 horas.

Programa de actividades

Os Campamentos de Verán comezarán o luns 15 de xullo con xogos do Paporrubio, slackline, obradoiro de rap e inchable acuático na piscina municipal. O martes 16 de xullo está programada unha excursión ao Aquapark de Cerceda para toda a xornada, mentres que para o mércores 17 de xullo está prevista unha xornada de praia, con kaiaks.

O xoves 18 terá lugar unha excursión a Urban Planet (Santiago), que se complementará cunha tarde de praia e obradoiros, coa participación da rapazada nunha xornada de recollida de plásticos xunto con voluntariado do Concello de Lousame. Para o venres 19 repetirá unha das novidades máis aplaudidas de pasadas edicións: a carreira “holy run”, na que os participantes non só correrán, senón que bailarán e se empaparán de polvos de cores. Por iso recoméndase acudir esa xornada con gorra, gafas de sol e roupa vella. Pola tarde, gran festa de despedida na piscina con festa da escuma e parque acuático móbil.

A concelleira de Cultura, Silvia Agrafojo, lembra ás familias que “a puntualidade é un requisito imprescindible, sobre todo no remate das xornadas, polo que é imperativo que os nenos/as se recollan antes das 21:00 horas, sen excepción”. Durante o campamento non se permitirá o uso de móbiles, tabletas, videoxogos nin dispositivos de reprodución multimedia por parte dos pequenos, que tamén terán prohibido traer máis de 5 euros en metálico por día Así mesmo, cada participante deberá traer protector solar adaptado ao seu tipo de pel.